IMPROVISDADO

IMPROVISDADO Batalla de Debuxantes

PRAZO DE INSCRICIÓN

BASES DO CERTAME

En que consiste o certame?

“IMPROVISDADO – Batalla de Debuxantes” é un certame que une debuxo e muralismo nun formato único e innovador que promove a improvisación e a expresión artística dos/as participantes e facilita novas formas de intervención artística, rompendo cos estándares e “normas non escritas” da arte, na procura da expresión persoal sen cancelas de cada artista.

 

A finalidade principal desta iniciativa é ofrecer un espazo creativo onde pasalo ben, amosar e apoiar o traballo dos/as artistas multidisciplinares e os seus diferentes estilos e técnicas, favorecendo as relacións e conexións contraculturais mediante a participación activa na rúa.

 

O certame IMPROVISDADO é unha idea orixinal da Asociación Vella Escola, promovida pola Concellería de Cultura e a OMIX do Concello do Porriño.

Quen pode participar?

A presente convocatoria vai dirixida a debuxantes e muralistas con idades comprendidas ente os 16 e os 45 anos, de nacionalidade española ou estranxeira que desenvolvan de xeito profesional ou amateur algunha das seguintes disciplinas artísticas relacionadas coa pintura: ilustración, graffiti, tatuaxe, muralismo, banda deseñada, debuxo técnico ou outros estilos de debuxo de man alzada.

 

A participación será en formato individual e establécese unha única categoría de competición, polo que non existirán seccións diferenciadas por idade, sexo ou nivel artístico.

Cando e onde?

O certame IMPROVISDADO desenvólvese en 2 fases, a primeira fase online (fase de inscrición e presentación de debuxos) e a segunda fase presencial (competición presencial entre os/as 6 artistas finalistas.

 

O prazo de presentación de solicitudes e dos debuxos (fase online) será do 15 de marzo ao 31 de agosto de 2021.

 

A fase final (presencial) na que participarán os/as 6 finalistas terá lugar no Parque do Cristo do Porriño en horario de tarde, o sábado 18 de setembro de 2021.

Como funciona?

O certame contempla 2 fases:

 

NA PRIMEIRA FASE (online) cada participante presentará (a través do formulario de inscrición dispoñible nesta páxina) 1 ou 2 debuxos de temática libre xunto cunha breve descrición do seu perfil ou estilo artístico. Os debuxos presentados estarán realizados en monocromo (branco e negro) e gardarán relación coa estética do “sketch” (bosquexo).

 

NA SEGUNDA FASE (presencial) participarán os/as 6 debuxantes finalistas da primeira fase que competirán entre eles/as nun espazo decorado con diferentes soportes ríxidos de cor branco (nesta edición 2021 o espazo a intervir recreará un «taller mecánico»), onde realizarán a súa intervención artística de temática libre (non é preciso desenvolver a mesma obra presentada na primeira fase).

 

Os/as participantes terán 90 minutos para realizar a súa obra con liberdade para utilizar o utensilio de pintura que desexen (rotulador, esprai, pincel/brocha/rodillo), pero a técnica reducirase a man alzada, dispoñendo só de pintura de cor negra e branca.

 

O soporte sobre o que intervirá cada participante virá determinado por sorteo, mediante o lanzamento dun dado xigante que conterá en cada un dos seus laterais a imaxe do soporte que se vai pintar (paredes / obxectos / mobiliario). O lado do dado que cae cara arriba será o que terá que intervir o/a artista. Non estará permitido intercambiar o soporte a pintar con outros/as participantes.

 

O xurado presentaralle aos artistas participantes ata 4 probas ou retos diferentes durante o transcurso do concurso. Estas probas non serán obrigatorias pero sumarán puntos.

 

Non estará permitido o uso de plantillas, stickers, selos, compás, proxectores nin outras ferramentas diferentes ás enumeradas anteriormente. Para a realización das obras pictóricas, a entidade organizadora facilitará o soporte, a pintura e os utensilios necesarios, sendo estes o único material admitido.

 

O concurso estará dirixido por un presentador (speaker) encargado de convocar aos participantes, comunicar o desenvolvemento da competición en todo momento, e dinamizar o concurso.

Cal é o xurado?

O xurado estará integrado por 3 profesionais independientes relacionados co mundo do debuxo e 1 persoa da entidade organizadora:

 

  • Ilustrador/a profesional.
  • Artista profesional especializado en Muralismo ou Graffiti.
  • Debuxante convidado ou participante premiado/a en edicións anteriores deste certame.
  • Secretario/a: representante da directiva da Asociación Vella Escola.

 

O xurado seleccionará de entre todos os traballos presentados durante o proceso de inscrición a 6 finalistas que participarán na segunda fase presencial do certame, que terá lugar o sábado 18 de setembro de 2021 en horario de tarde no Parque do Cristo do Concello do Porriño.

 

Nesta segunda fase o xurado dictará un primeiro, segundo e trecer posto.

Cales son os criterios de valoración?

Na primeira fase do concurso o xurado valorará as obras presentadas seguindo principalmente os criterios de Orixinalidade e a Calidade do debuxo en sí mesmo e escollerá a 6 artistas para que compitan de xeito presencial na fase final do concurso.

 

Na segunda fase do concurso o xurado valorará a:

 

  • Orixinalidade e Calidade do debuxo presentado.
  • Dificultade que supón a realización da obra coa ferramenta utilizada en relación ao soporte intervido artísticamente.
  • Capacidade de Improvisación dos debuxantes
  • Adecuación da obra aos retos presentados polo xurado
  • Cumprimento do regulamento da competición.

 

Non se valorará máis a utilización dunha ou outra técnica en sí mesmo.

 

Descalificarase aos participantes que non sigan as normas de convivencia do concurso, que pinten fora do espazo outorgado, que afecten gravemente á obra doutro participante ou que realicen obras que expresen motivos violentos, discriminatorios, machistas ou que atenten contra a liberdade das persoas. Os/as participantes deberán presentarse á convocatoria o día e hora indicados sendo a súa ausencia ou atraso temén un motivo de descalificación. O incumprimento das bases pode implicar a descalificación do concurso, a criterio da organización.

 

O xurado será flexible na interpretación das obras e terá en conta a liberdade de expresión do/a artista, pero dentro dos límites que como profesionais do debuxo estimen oportuno.

Hai Premios?

O certame IMPROVISDADO 2021 contempla ata 6 premios económicos, ademais de premios especiais.

 

O/a autor/a da peza que acade o primeiro posto, será premiado/a cunha dotación económica de 350€, o segundo premio estará dotado de 200€, o terceiro premio dotado de 100€ e o cuarto, quinto e sexto posto premiados con 50€, sendo estas cantidades premios únicos e indivisibles.

 

O concurso tamén contemplará a posibilidade de aportar premios especiais, para os concursantes que con independencia da clasificación obtida no concurso, demostren un talento ou habilidade que destaque sobre o resto (orixinalidade, rapidez, adecuación da obra ao soporte, estratexia…).

 

Farase entrega aos 6 finalistas dun diploma ou certificado de participación que indicará a súa clasificación no concurso.

Como me inscribo no certame?

A inscrición para o certame “IMPROVISDADO” é de balde e formalizarase cumplimentando o formulario de inscrición dispoñible nesta mesma páxina (www.vellaescola.com/improvisdado) adxuntando tamén a documentación ou imaxes requiridas nas presentes bases (ver apartado «Documentación Requirida»).

 

A participación será en formato individual e nunha única categoría absoluta.

 

Os debuxos presentaranse por vía electrónica en formato .jpg ou .pdf cunha resolución igual ou superior a 1200px por 1200px, enviándoos escaneados a través do formulario de inscrición, ou no seu defecto, vía correo electrónico a improvisdado@gmail.com co asunto: “INSCRICIÓN CERTAME IMPROVISDADO 2021”.

 

O autor/a gardará o debuxo orixinal para ser presentado na fase final en caso de que sexa requirido.

 

O prazo de presentación de solicitudes e dos debuxos será do 15 de marzo ao 31 de agosto de 2021.

 

Non se admitirán solicitudes de inscrición fora do prazo indicado. A data de inscrición considerada será a de recepción do formulario de inscrición ou correo electrónico de ser o caso.

Documentación Requirida

A inscrición indicará os datos persoais do/a participante e da obra presentada e a documentación anexa correspondente para cada caso:

 

DATOS PERSOAIS*

 

  • Nome e apelidos do/a concursante:
  • Nome Artístico/AKA:
  • NIF do/a concursante:
  • Data de nacemento:
  • Domicilio:
  • Teléfono de contacto:
  • Correo electrónico:

*Estos datos utilizaranse a únicos efectos de localizar aos gañadores/as e protexer as obras presentadas.

 

OBRA

 

1) Debuxo: Admítense un máximo de 2 obras por autor/a. Os debuxos deberán ser orixinais e inéditos, realizados a man alzada, en monocromo (branco e negro), gardando a estética do sketch. Non se admitirán debuxos a cor ou en escala de grises.

Nota: O/a autor/a, polo feito de presentaren os debuxos a concurso, afirma que as obras son orixinais e da súa propiedade, e en consecuencia faise responsable respecto da súa propiedade intelectual e patrimonial por calquera acción por reivindicación, evicción, saneamento ou calquera outra reclamación que ao respecto puideran sobrevir.

 

2) Documento anexo no que figurarán os datos da obra presentada:

 

  • Título do debuxo:
  • Descrición do debuxo:
  • Breve presentación do/a autor/a e da súa traxectoria:
  • Enlace a portfolio / web do autor/a:

 

AUTORIZACIÓN

Os/as menores de idade presentarán xunto coa documentación anterior, un modelo de autorización asinada polo representante legal para poder participar no certame. Dita autorización adxuntarase ao formulario de inscrición, o no seu defecto, enviarase directamente ao correo electrónico do certame:  improvisdado@gmail.com

Resolución

O xurado resolverá calquera incidencia que puidera producirse. Esta será irrevocable.

 

A entidade organizadora non se fai responsable de calquera pérdida fortuita que poida producirse, nin da custodia, mantemento e conservación das obras realizadas durante a fase final.

 

As bases do concurso “IMPROVISDADO” estarán dispoñibles para descarga na páxina web do certame (www.vellaescola.com/improvisdado) ou en defecto, na páxina web da entidade organizadora.

ASÍ FUNCIONA...

MÚSICA EN DIRECTO

ESPAZO IMPROVISDADO

+INFO

Taller Mecánico

Presentamos o deseño do espazo creativo a intervir por parte dos/as 6 finalistas durante a segunda fase do certame IMPROVISDADO 2021!!!

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

Error: Formulario de contacto no encontrado.

Despois de darlle ao botón «Enviar» espera a que apareza a mensaxe de «A túa inscrición realizouse correctamente» antes de saír da páxina (isto é preciso para que a páxina remate de subir os arquivos adxuntos).

DOCUMENTACIÓN ADXUNTA

ORGANIZAN